Sunday 28 de April de 2024

A Xunta de Galicia impulsa máis dunha trintena de actividades para celebrar o mes da ciencia en galego nas bibliotecas


— O director xeral de Cultura e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa presentan a programación das actividades de divulgación científica

— Ao longo de novembro haberá obradoiros, exposicións, contacontos, conferencias e experimentos para todos os públicos

— Os centros educativos tamén acollen variadas iniciativas para sensibilizar aos máis novos no uso do galego na literatura científica

A Xunta de Galicia impulsa máis dunha trintena de actividades para celebrar este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar sobre o valor de empregar o galego na divulgación científica.
Así o anunciaron hoxe o director xera de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, durante a presentación da programación de actividades, que se prolongarán ata o 30 de novembro. No acto, que se celebrou na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, tamén participou a decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, Elena Vázquez Cendón, quen subscribe o manifesto deste ano.

Anxo M. Lorenzo e Judith Fernández coincidiron na importancia desta iniciativa que axuda a “dar a coñecer e prestixiar a ciencia” a través da rede de bibliotecas e con “recursos cos que contamos para divulgar ciencia en galego e achegar á cativada a este campo na nosa lingua”.

Unha ampla axenda científica
A Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, así como as bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo acollerán ata 35 actividades de divulgación científica. Obradoiros de robótica, de astronomía, de arquitectura ou maxia, así como escape-rooms, mostras bibliográficas, charlas, contacontos e exposicións son algunhas das citas programadas para este mes. A programación completa pode consultarse nas páxinas web dos respectivos centros, así como no dossier que se achega.

Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares tamén se unen a esta celebración promovendo o desenvolvemento de variadas iniciativas relacionadas coa ciencia. “Desde a creación do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) procúrase a integración das ciencias e das humanidades a través de diversas actividades e de actualización da colección das bibliotecas dos centros educativos galegos”, salientaron os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Neste sentido, para apoiar a conmemoración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego, hai aberto un portal cunha selección de materiais científicos, así como unha colección de libros informativos en galego. Outras das iniciativas que impulsa a Consellería, relacionadas coa divulgación da ciencia en galego, son o proxecto Biblioteca Creativa e metodoloxías activas e traballos por proxectos.

Ademais, o interese polas actividades relacionadas co mundo da ciencia e da tecnoloxía é unha realidade que se evidencia cada vez máis nos centros educativos, un labor co que contribúen os equipos de dinamización da lingua galega e bibliotecas escolares. Entre as propostas máis salientables destacan as charlas, congresos, exposicións, audiovisuais, podcasts, guías de lectura e revistas, entre outras.